Ir ao contido

Cesta

A cesta está vacía

Artigo: Sargadelos Legado

Sargadelos legado
Novedades

Sargadelos Legado

SARGADELOS decidiu comercializar unha nova liña de fabricación que aúne dous conceptos moi importantes para nós: sustentabilidade e tradición.

O noso esixente proceso de produción xera, despois do moído e decantado, unha importante cantidade de sobrantes ou pasta bruta que, aínda que non cumpre cos estándares de calidade da porcelana de SARGADELOS, si mantén calidades como dureza, resistencia e nobreza.

Investigando para reducir o impacto ambiental das nosas manufacturas pensamos en reutilizar estes restos, xa non residuos, creando un novo departamento produtivo que estude e someta tales recursos a un proceso de adaptabilidade que permita a conformación de obxectos cerámicos.

A pasta reciclada nace da seguinte maneira:

A auga da limpeza dos materiais usados para a reprodución da porcelana desvíase a uns pozos de decantación. Existen pozos de decantación para a pasta e para as cores, estes depósitos acumulan no seu parte baixa residuos semisólidos.

Os pozos de decantación de pasta cerámica acumulan principalmente cuarzo, feldespato e caolín (materias primas da porcelana). Cando os pozos están moi cheos fíltranse e obtéñense residuos da pasta de porcelana contaminados de ferro e outras materias. Con ese semisólido volve facer unha pasta, á que se lle regula a porcentaxe de caolín que lle falta para poder dotala dunhas características que faciliten a reprodución pola técnica de coado.

Cando esta pasta se vitrifica, dá como resultado un branco sucio, contaminado de partículas ao que se lle engaden pigmentos reciclados dos pozos de decantación para poder obter unha pasta coloreada.

A vitrificación desta porcelana reciclada realízase á mesma temperatura que a porcelana normal, 1400ºC.

Este novo departamento de investigación e desenvolvemento tivemos que instalalo nun espazo afastado da produción principal, para evitar a posible contaminación cruzada. Debido a que se trata dunha pasta moi inestable, que require unha supervisión constante, a produción destas pezas debe realizarse de forma limitada, polo que cada figura deste proxecto é unha peza única.

Esta primeira colección de SARGADELOS LEGADO componse de cinco formas e seis pezas: o Bol, o Prato e catro Vasos en tres tamaños. Utilizouse o mesmo ton de pasta branco sucio en todas as formas, e ademais unha pasta coloreada en azul que completa e distingue o set, empregada na versión cor do vaso pequeno.

Son tons que nos remiten aos empregados nos tempos iniciais da produción de porcelana en Cervo (Lugo).

Mostra unha marcada inspiración nas formas da olería artesanal, que se obtiña mediante un traballo de torno, non moi afastado do modo actual de fabricación empregado para conseguir os volumes de simetría radial destas pezas.

Esta nova porcelana, exclusiva de SARGADELOS, decidimos denominala SARGADELOS LEGADO, pois recupera marcas e selos das primeiras producións dos anos 1820 que agora cobran protagonismo na decoración das pezas.

Evoca e rememora o noso pasado histórico, do que sentimos legatarios e que nos permitiu chegar a ser unha das principais porcelanas do mundo.

Abrimos unha xanela ao futuro coa estrea desta nova liña de produtos que concilia a nosa historia e o noso compromiso coas preocupacións do noso tempo.

Visto recentemente