MUSEO CARLOS MASIDE - EXPOSICIÓNS TEMPORAIS


LUIS SEOANE. DESEÑO E DIFERENZA
Deputación Provincial de Lugo. 19 maio ao 30 de xuño 2018

Luis Seoane (Bos Aires, 1910 - A Coruña, 1979) é o gran renovador do deseño galego no século XX, con propostas gráficas de vangarda, xa sexa nos seus libros ou carteis, aportando novas solucións ao deseño cerámico nos anos sesenta ou no especial cromatismo dos seus tapices, onde se mestura o mellor dos seus debuxos e as solucións técnicas que fixeron paradigmática a súa pintura.

Esta exposición, Luis Seoane. Deseño e diferenza, indaga nesa condición de creador total que o converteu nun dos primeiros exemplos ibéricos do que hoxe entendemos como artista contemporáneo, algo que soamente poderemos entender se conseguimos ler o seu legado en claves universais.

Luis Seoane. Deseño e diferenza é un dobre proxecto expositivo e editorial, que incide sobre todo na súa condición de deseñador, xa sexa no universo da cerámica, do libro ou do tapiz. Pero para iso hai que ter en conta a súa labor como pintor, xa que todas estas disciplinas se influencian unhas ás outras dun modo irreversible. A mostra, organizada pola Deputación de Lugo e a Fundación Sargadelos e coordinada por José Luis Vázquez Montero, compleméntase cun ensaio sobre a figura de Seoane escrito polo teórico David Barro. Nesta selección de obras advírtese como Luis Seoane evitaba toda estandarización, avogando por aprehender os paradigmas culturais das tradicións dun lugar -no seu caso Galicia-, non tanto coa intención de replicar o logrado senón buscando renovar as formas ancestrais para proxectalas no presente e o futuro da industria, convertendo esas formas en inéditas. Trátase, en definitiva, de recoller as formas que caracterizaron a historia dun pobo e ao facelo, afirmar unha diferenciación cultural que pola contra corre o risco de perderse.

É evidente que Luis Seoane entendeu como decisiva a experiencia de Bauhaus. Seoane seguirá tamén moi atentamente o proposto en iniciativas posteriores como a escola de Ulm. Todo iso será a semente definitiva para o Laboratorio de Formas que creará conxuntamente con Isaac Díaz Pardo. Tamén para o conxunto de pezas cerámicas que realizou para Sargadelos a partir de 1968, dando continuidade aos traballos que realizara para Porcelanas de Magdalena en Arxentina a finais dos cincuenta.

Será Luis Seoane quen realice as primeiras pezas figurativas do novo Sargadelos. Por unha banda, realiza unha serie de xerras homenaxe a personalidades do seu tempo, algunhas de directa relación Galicia, Rosalía de Castro, Castelao, Valle Inclán e outras a partir de personalidades españolas de relevancia Antonio Machado, Pablo Picasso, Benito Pérez Galdós, Pau Casals, León Felipe. Tamén realiza unha do Marqués de Sargadelos. Outras xerras máis pequenas terán un transfundo medieval con protagonistas como o Mestre Mateo, Martin Códax, María Castaña, Inés de Castro, Rui Xordo, o Mariscal Pardo de Cela, San Pedro de Mezonzo, Prisciliano ou María Pita, entre outras. Esteticamente, resulta interesante a liberdade expresiva de estas xerras, das que se conservan no Museo Carlos Maside os seus debuxos primeiros. Luis Seoane realizará outras pezas de cerámica de gran valor e calidade, cunha alta exixencia na consecución da súa cor. De aí seguramente a escasa produción neste sentido e que algunhas pezas de gran calidade desde o punto de vista do deseño se teñan quedado en prototipos de xeso como as súas Setas ou A outra cara da lúa, material no que tamén se conservan as matrices dalgúns dos seus deseños máis representativos, como Picasso ou Cincodedos, que se poden atopar nesta mostra. De entre as producidas, destacan os dous ramos de once elementos (de case un metro de alto), un amarelo e verde e outro azul e vermello, así como outros dos ramos máis pequenos. Tamén destacan Floreiro con mar e gaivotas, Cincodedos, Paxarosol, Pomba pedra, Gato pedra ou a Vaca con paxaro.

Luis Seoane, como pintor que era, preocupouse sempre pola cor á hora de decorar ou deseñar un libro. Nesta mostra preséntanse algúns deles. Pero resulta necesario contextualizar internacionalmente estas solucións empregadas por Seoane para entender así a súa contemporaneidade. A mostra complétase cunha serie de tapices, producidos en colaboración con María Elena Montero e dos cartóns orixinais que o artista realizou para a súa manufactura, e cunha selección de deseños e bosquexos das pezas cerámicas, gravados e pinturas representativas que forman parte dos fondos do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre elas o coñecido cadro O Meco, un dos máis grandes que chegará a pintar.

Esta mostra forma parte do convenio de colaboración asinado en 2017, entre a Deputación de Lugo e a Fundación Sargadelos, no que tamén se desenvolveron diferentes talleres cerámicos e workshops, realizados no Centrad de Lugo e nos obradoiros de Sargadelos en Cervo.


FONDOS
ARTÍSTICOS
EXPOSICIÓNS
TEMPORAIS
HORARIO E ACTIVIDADES
DIDÁCTICAS
AXENDA
NOVAS