ESCOLA INFANTIL DO CASTRO


Obradoiro infantil na Escola de Cerámica do Castro: Actividade pedagóxica que Cerámicas do Castro mantén no seu Taller de maneira ininterrompida durante máis de vinte anos, cunha gran acollida entre as escolas e institutos da provincia.



Nesta acción vincúlase a historia coa cerámica, mostrando a súa evolución nas diferentes civilizacións, así como a compresión do turismo industrial, ó vincular estes obradoiros coa mostra do proceso produtivo na mesma planta de produción, ao realizar todolos asistentes, unha visita guiada pola planta de produción de Cerámicas do Castro.

O obradoiro comeza coa fabricación por parte dos rapaces dunha peza de cerámica, un técnico da fábrica de cerámica, axúdalles á realización da mesma mediante o emprego de moldes. No tempo que a peza seca para poder pintala, os rapaces visitan o museo, onde se proxecta un vídeo acercando a colección de arte do museo cunha presentación de diapositivas e vídeos. Posteriormente, realizan unha ficha didáctica empregando os contidos que acaban de coñecer a través das salas do museo.

Unha vez rematada esta actividade no museo, procédese á visita á planta de produción do Castro, onde coñeceran todo o proceso industrial de realización da porcelana dende o tratamento das materias primas, reprodución, decoración e vitrificado posterior.





De volta ao taller/escola, proceden ao decorado da peza que previamente fixeron e deixaron secando dentro do seu molde. Unha vez decorada polos rapaces, dáse por rematada a visita e abandonan as instalacións, as pezas diferéncianse e clasifícanse e pasan a ser cocidas nun forno de alta temperatura. Unha vez cocidas, envíanse ós colexios e institutos correspondentes para que cheguen ás mans dos seus autores.

Con esta actividade, os rapaces, ademais de coñecer o proceso de produción cerámico, preténdese que sexan conscientes da importancia da actividade cerámica na historia da humanidade, dos múltiples obxectos cerámicos de uso cotián que eles mesmos empregan e que non reparan que sexan cerámicos, o seu emprego como un dos materiais do futuro e dos valores que o seu estudio aporta, como elemento datador en arqueoloxía, a información que facilita o estudio da súa complexidade e sofisticación acorde ao avance da civilización que a fixo, porque a actividade cerámica foi e sigue sendo unha das máis “humanas” que ten o home, os seus elementos básicos os ten da súa man: terra e lume.


Solicitude de participación:

Chamando previamente ao teléfono 981.62.02.00 ou enviando un email a cgonzalez@sargadelos.com