MUSEO CARLOS MASIDE


En 1970 inaugúrase no Castro -Sada- o MUSEO CARLOS MASIDE, nunhas dependencias cedidas por Cerámicas do Castro, como consecuencia dun convenio entre a empresa de cerámica e o Laboratorio de Formas de Galicia, entidade que nace na Arxentina da man de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo e que propón como tarefa previa a recuperación da memoria histórica e artística de Galicia, recuperando a obra de moitos dos artistas galegos que sufriron o exilio ou a diáspora.

Galicia precisaba unha institución que recollera a obra e a documentación do movemento renovador da arte galega, que polos acontecementos do ano 36 atopábase dispersa, destinada ó seu coidado, protección, exposición e o seu estudio, cumprindo así unha tarefa necesaria na evolución das nosas ideas estéticas. Esta institución concibida, facía tempo, por Luis Seoane coma un Museo Galego de Arte Contemporánea, decidiuse advocar a Carlos Maside (a proposta de Rafael Dieste), non só porque neste Museo gardaba unha importante colección das súas obras, senón tamén pola súa pureza conceptual, o seu carácter analítico e experimental, a preocupación polas formas da arte popular, pero fundamentalmente, polas súas ideas sobre a arte e a función que ten de cumprir, que marcaron unha época e un compromiso.

Castelao, xunto con Colmeiro, Maruja Mallo, Granell, Souto ou Seoane entre outros moitos, padeceron do exilio, Castelao e Souto morreron nel, Fernández Mazas morreu axiña despois de sufrir preso na cadea, Maside perseguido e silenciado o mesmo que Cebreiro...


Agora que xa non temos de forma tan directa unha perspectiva que nos faga comprender aqueles acontecementos, que este Museo Galego de Arte Contemporánea sirva de testemuña do significado que tivo o movemento renovador da arte galega a partir de Castelao, para contextualizalo dentro dos movementos que circularon polo mundo. Os seus fondos recollen o noso pasado artístico máis inmediato, non como un depósito de información estático, senón para contrastalo co noso presente, sen criterios discriminatorios, e sempre coa esperanza dun futuro mellor.

O museo atópase nun complexo arquitectónico que acolle, a planta de produción de Cerámicas del Castro, un edificio destinado a investigación, deseño, editorial e mostras de cerámica e libros así como exposicións temporais; o Museo Carlos Maside, ocupa a edificación máis característica deste complexo ideada e realizada para conter a súa colección, proxectada polo arquitecto e membro do LF, Andrés Fernández-Albalat consistente nunha agremiación de módulos exagonais distribuídos en torno a outro gran módulo exagonal central. Espazo expositivo que se reparte en tres andares onde se amosan obras de Castelao, xerme do movemento renovador, Francisco Lloréns, Xesús Corredoira, Francisco Asorey, Eiroa, Bonome, Cristino e Maruja Mallo, Fernandez Mazas,… , dos Renovadores Laxeiro, Colmeiro, Maside, Souto ou Seoane. A colección complétase con obras doutras figuras salientables como Eugenio e Mario Granell, Urbano Lugrís, Julia Minguillón, Manuel Torres, Tino Grandío, Labra, Virxilio, Mercedes Ruibal, … , ou máis recentes como Raimundo Patiño, Alberto Datas, do grupo Atlántica Cabanas, Leiro, Permuy, Correa Corredoira, Lamazares, …. e unha cumprida representación de artistas novos. Remata o último andar cunha sala dedicada o debuxo humorístico e o cómic.


FONDOS
ARTÍSTICOS
EXPOSICIÓNS
TEMPORAIS
HORARIO E ACTIVIDADES
DIDÁCTICAS
AXENDA
NOVAS