1845-1862

Terceira Etapa


<MambruPlato e xarra de lavabo

fontiñaFontiña de manteigueiro

marcasBenditeira con decoración estampada

No ano 1845, Luis de la Riva y Cía., de Santiago de Compostela, arréndalle a administración de SARGADELOS á familia Ibáñez.

Máis de 1.000 familias chegaron a traballar para a fábrica en 1849, de onde saían 205 carros e 22 buques de cabotaxe con máis de 100 fornadas de louza. Catro fornos distintos, 30 estufas, muíños, nove grandes talleres, oito prensas,... verdadeiramente, foi a época dourada do primeiro SARGADELOS.

Entón, acadáronse calidades e variedades excepcionais de vaixelas e figuras baixo a dirección do británico Edwin Forester. Á súa maestría débese á introdución da louza alumada chamada chinesa opaca ou semichinesa, diferenciada pola calidade da súa feitura e pola súa decoración con motivos florais, estampados en sepia e castaño e pintados con pincel en verdes, azuis, amarelos e rosas.

Outras novidades técnicas desenvoltas polo ceramista Forester foron as estampacións monocromas (sobresae a cor negra) e a impregnación de cor nos fondos das pezas de vaixela branca, brilante e lixeiramente azulada.

Característicos desta época son os Mambrús, xerros feitos coa figura dun home sentado semellante ao Toby Jug da cerámica inglesa, e as vaixelas ilustradas con estampación litográfica (quizais, por primeira vez en España) de tipo Góndola: en primeiro plano, xardín, balaustrada, escalinata e xerro decorativo; en segundo, lagoa con barca; e mais arquitecturas fantásticas no fondo.