Anxo Vilma

06000010

29,75 €

Descripción do Produto:

Largo: 12,5 cm.

Alto: 6,5 cm.

Material: Porcelana.

UN ANXO DE VILMA VILLAVERDE REPRODUCIDO EN CERÁMICA DE SARGADELOS

Sargadelos débelle moito a Arxentina, pois nela, á beira do río máis ancho da Terra, nuns eidos costeiros fronte a Montevideo, onde o Río da Prata ten 80 quilómetros de ancho, é dicir, en Magdalena, enclave colonial montado sobre o territorio das Illas Tubichaminí, precolombianas, foi proxectada entre outras institucións, o novo Sargadelos. Foi en Magdalena onde se creou o Laboratorio de Formas de Galiza, institución responsable de diversos proxectos xa realizados, entre eles este do novo Sargadelos, e todos eles orientados á recuperación da nosa memoria histórica.

Arxentina é tamén, por outra banda, algo que pertence a Galiza. Non hai máis que ollar moitos dos nomes que caracterizan trazos da personalidade arxentina para ver que Galiza está ben presente nesta terra americana: Rivadavia, Nocedal, Pereira… Na Arxentina está a cidade máis grande de Galiza, Bos Aires, e alí viviron e morreron no último século non menos da terceira parte dos galegos que naceron aquí nese período, e o noso sangue está xa para sempre mesturado co sangue do pobo arxentino. Na Arxentina foi emigrante, e logo exiliado, Castelao, e nela morreu e Arxentina gardou amorosamente o seu corpo embalsamado durante trinta e cinco anos.

E cada vez son máis arxentinos os que veñen peregrinando a Galiza e particularmente a Sargadelos, sobre todo a participar nas experiencias do seu Seminario. E Sargadelos acólleos cun afecto especial, como algo seu.

Nunha destas chegou a Sargadelos Vilma Villaverde, unha ceramista arxentina nacida en Bos Aires, cunha bagaxe de estudos, de obra e de prestixio moi importante naquel país, e en Sargadelos traballou durante varios meses no seu Seminario onde deixou unha importante obra dedicada como unha homenaxe a Galiza e particularmente a Sargadelos que hoxe enche unha sala que se garda como un tesouro entre as nosas coleccións de cerámica contemporánea.

Vilma Villaverde autorizounos a reproducir na nosa porcelana, incorporándoa á produción de Sargadelos, unha das súas pezas: un anxo que vai, ou que ven, como portador dunha mensaxe do seu espírito e do seu amor. Imos reproducir esta peza numerada, mais sen límite de tirada para ver ata onde chega o voo do anxo de Vilma.

23 produtos da mesma categoría: