Unha botelliña de cerámica de Sargadelos coa imaxe da Virxe do Carme, Patroa dos Mariñeiros

Publicado el día 2016-07-13

virxe-do-carme

En Sargadelos fixemos esta botelliña coa imaxe da Virxe do Carme decorada baixo cuberta, cunha copliña popular no seu reverso, como homenaxe aos mariñeiros e a todas as xentes do mar.

Dende o principio do cristianismo, a Virxe María foi proclamada como “Estrela do Mar” o equivalente ao latín “Stella Maris”, nome que se lle deu a todos os centros do Apostolado do Mar da Igrexa Católica, ubicados nos portos.
No século V, cando unha expedición mariña tiña unha misión difícil ou arriscada, poñíanse baixo a protección especial da Virxe María. Alfonso X O Sabio, nunha “cantiga” ordena que as popas dos barcos de certa importancia estean decorados formando doselete para gardá-la imaxe da Virxe.
Cristóbal Colón rebautizou a nave capitana “Marigalante” co nome de “Santa María”. Dende a batalla de Lepanto a Virxe foi invocada baixo o nome de “Virxe do Rosario” polas xentes do mar, o cambio por Virxe do Carme ven do Monte Carmelo, en Israel, que habitaron os Carmelitas dándolle culto á Virxe.
O Padroádego da Virxe do Carme ven do século XVIII cando xa era moi popular a súa festa en España, o almirante mallorquín Antonio Barceló impulsou a súa celebración entre a mariñeiría que el dirixía. Foi a partir de entón cando a Mariña Española substituiu o patrocinio de San Telmo polo da Virxe.
A devoción pola Virxe do Carme, unha das máis arraigadas no fondo do pobo galego é recente, vén de cando os relixiosos carmelitas se establecen na nosa terra. O convento dos frades de Padrón foi construido entre o 1731 e o 1753.
En moitas localidades galegas celébranse grandes procesións marítimas, e no cantigueiro popular abundan as coplas onde os mariñeiros piden “que lles dea o vento de popa” e tamén “moitos peixes” ou as que piden polo seu amparo. As mozas téñena por madriña, seguras de que non deixará de mandarlles o bolo de Pascua ou un bo homiño que sexa traballador.