Os Trobeiros do Camiño

Publicado el día 2016-07-13

Os-trobeiros-do-camino

Os cancioneiros xacobeos son dabondo espallados por Europa, mostra patente de que os peregrinos, calquera que fose a súa nacionalidade e condición, peregrinaban rezando, cantando e pedindo esmola. A tal respeito pronúnciase D. Quixote (Cap. XL, 2.ª parte) cando “vio a dos peregrinos con sus bordones, estos que piden limosna cantando…” En todas as vías dos santuarios, os romeiros camiñaban cantando ben en forma responsorial, ben con estrofas e refráns ou en coplas…

Polas testemuñas documentais e plásticas coñecemos o fasto que as solemnidades podían acadar nas grandes catedrais e abadías, así como a orixinalidade das composicións.
No sermón “Veneranda dies” que recolle o Liber Beati Jacobi, enumera os instrumentos musicais: …”Uns tocan cítaras, outros liras, outros tímpanos, outros frautas, caramelas, trompetas, harpas, violíns, rodas británicas ou galas, outros cantando con cítaras, outros cantando acompañados de diversos instrumentos pasan a noite en vela…” E na descrición da “Festa dos Milagres”, instituída polo Rei Afonso (¿VI?) se fala das “batutas de ouro ou almafí, axeitadas ós cantores” co remate embelecido por unha pedra preciosa. A orquestra dos anciáns do Pórtico da Gloria, o desfeito coro tamén mateano, e as ménsulas do Pazo Arcebispal, ofrecen a visión plástica desta auxe da música (non só da litúxica), e a confluencia das melodías como expresión da diversa procedencia dos instrumentos e falas. Tafall Abad cotexou unha melodía de ritmo libre cun “alalá” vixente no noso cantigueiro do pobo, “O cantar do arrieiro”. Trátase do fermosísimo “Regi perhennis gloriae”. A “vyadeira” e a “pastorela” son froitos do camiño: A “viandela” ou “viadeira”, definida nas “Regles de trobar” de Jofré de Foixá e nas “Leys” do códice de Ripoll debe con seguranza o seu nome ó canto responsorial propio das compañas de camiñantes. Como supón Martín de Riquer, Cerverí de Girona, o autor da única coñecida integramente, teríao adeprendido na corte afonsí, onde foi con Don Pedro. O ledo encontro do camiñante cunha xentil dona, dá tema ás pastorelas, escasas pero moi fermosas nos nosos cancioneiros. Joan de Avoím tivo ocasión de coñecer directamente o xénero cando estivo en Francia co Boloñés. Foi cultivado por Airas Nunes, Joan de Abuim, Lourenzo, Per Amigo de Sevilla e Don Denís. É curiosa a presencia do tema da peregrinaxe nunha das seis pastorelas novelescas de Guiraut Riquier: a dona retorna, e trae novas de corte de Castela. Con estes oito trobeiros, con acordeón, zanfona, frauta, pandeiro, viola, gaita, violino e guitarra, Sargadelos quere homenaxear neste Xacobeo 2010, aos viaxeiros que chegaron a Santiago, e contribuíron coa súa presenza habitual, a facer un Camiño de información e comunicación, que conectou e aínda continúa a conectar Galicia co resto do mundo, enriquecendo con este aporte a nosa tradición histórica e cultural.