Orixinais de Sargadelos en formato dixital

Publicado el día 2016-07-13

1207297686Prototipado2

Sargadelos desenvolve un proxecto de I+D destinado a salvagardar da erosión os orixinais en escaiola das súas porcelanas, que veñen empregándose para reproduciren os seus modelos dende os pasados anos sesenta.

A iniciativa consiste en dixitalizar primeiro os relevos e formas das pezas que compoñen as vaixelas de Sargadelos; e despois, empregar eses rexistros informáticos para crear unhas matrices de aluminio que remuden ás antigas de escaiola. Neste traballo de dixitalización e prototipado dos seus orixinais, Sargadelos conta coa participación do Centro de Innovación e Servicios (CIS) de Ferrol.

Nun seguinte paso, coas matrices acadadas, desenvólvese a fabricación duns novos moldes en xeso, resinas e outros materiais de cada modelo, que logo axeitanse aos calibres da maquinaria utilizada por Sargadelos na súa produción en serie. Neste labor de investigación, dispón da colaboración do Instituto de Cerámica da Universidade de Santiago de Compostela.

Proxecto de futuro

Asemade, Sargadelos está a introducir estas anovacións na fabricación das pezas de novo deseño, adquirindo a tecnoloxía necesaria (escáner 3D e máquina prototipadora) e formando ao seu persoal no seu emprego, de novo co asesoramento do CIS de Ferrol.