Mamasunción

Publicado el día 2016-07-13

mamasuncion

Cando o Concelleiro de Cultura de Forcarei “Rochi”, nos suxeriu facer unha peza conmemorativa dos 25 anos da estrea de Mamasunción, en Sargadelos pensamos que o mellor sería unha figura representando a anciá protagonista da curtametraxe da que se fai unha tirada limitada e numerada do 1/1000 ao 1000/1000 como homenaxe á Mamasunción e a Chano Piñeiro.

Mamasunción de Chano Piñeiro foi estreada en Vigo o 28 de decembro de 1984 e está baseada nun feito real.
A curtametraxe ródase en Baíste e Rubillón, aldeas do concello de Avión (Ourense).
A obra procura unha mirada lírica sobre os efectos dramáticos da emigración galega a través do punto de vista dunha muller que agarda durante décadas a chegada dunha carta do seu fillo emigrado a México. Coa forza expresiva do rostro da anciá protagonista Sunción Ogando Rodríguez, encarna o punto de vista dos que se quedan.
Un día tras outro acode á oficina de Correos en espera da carta do seu fillo emigrado a México. Esta non chega nunca. Por fin, un día o carteiro entrégalle a Mamasunción a carta longamente agardada. Nela comunícanlle que o seu fillo morreu e que lle deixou unha cuantiosa herdanza. Ao final a anciá queima o diñeiro.
Segundo recolle Xoán Acuña na súa publicación
Chano Piñeiro. Unha historia do cinema galego: “Chano evidenciou coa excelente cinta que no localismo ben entendido atópase a esencia da universalidade de cada pobo… A mellor maneira de ser universal é sendo galegos. Xa o decían entre outros Joyce ou Faulkner, e tamén John Ford que demostrou cos seus ‘westerns’ (o xénero máis universal de puro enxebrismo americano), e coas súas películas irlandesas: se queres ser universal, fala do teu pobo”.
É unha das producións galegas máis galardoadas das realizadas en Galicia. Debido ao éxito da curtametraxe o 25 de xullo de 1985 a TVG abriu a
súa primeira emisión con Mamasunción.