1806-1809

Fundación


Grabado Marqués de Sargadelos
Grabado Marqués de SARGADELOS

Grabado Marqués de Sargadelos
Ruínas Complexo Siderúrxico

A Cerámica de SARGADELOS xurdiú da iniciativa ilustrada de Antonio Raimundo Ibáñez nos primeiros anos do século XIX, coa inauguración dunha fábrica de louza nesa parroquia do concello de Cervo (Lugo) no ano 1806.

Nado na bisbarra asturiana dos Oscos, o 17 de outubro de 1749, Antonio Raimundo Ibáñez foi unha figura senlleira da nosa primeira industrialización. A súa personalidade emprendedora levouno, desde a súa mocidade, a desenvolver actividades innovadoras, como a explotación de roteiros comerciais entre Ribadeo e Cádiz ou o Báltico, coas que puido constituír a "Real Compañía Maritima" en 1788.

Investindo os capitais acadados, e contando coa protección en Madrid de Godoy, primeiro ministro de Carlos IV, foi quen de erguer unha potente siderurxia no lugar de SARGADELOS, e de asegurar a súa viabilidade cun contrato do Estado para producir municións no ano 1794. Ademais, dos seus altos fornos saíron moitos dos canos, cadeas, rodas hidráulicas, útiles de cociña e demais ferramentas das empregadas na España do século XVIII. E mesmo chegaron a crearse fermosos conxuntos escultóricos, fontes públicas e balaustres decorativos que aínda se poden recoñecer nalgunhas cidades galegas.

Pouco tempo despois, engrandeceu a súa obra coa creación da fábrica de louza, que comezou as primeiras probas no ano 1806. O proxecto permitiulle a Raimundo Ibáñez desenvolver o seu gusto refinado polas artes plásticas ao mesmo tempo que aproveitar a oportunidade de mercado que supuxo o cesamento das importacións de louzas "Bristol" inglesas. A prol desta iniciativa, tivo parte da súa infraestrutura siderúrxica e, sobre todo, a calidade sobresaínte dos xacementos de caolíns existentes nas proximidades de SARGADELOS.