

Maternidade |
 |
É curiosa a personalidade deste pintor nacido en Pontevedra en 1902, aínda que aos dezaoito anos se trasladou coa súa familia a Sevilla. En 1926, despois de pasar pola Escola de Belas Artes de San Fernando e expoñer en Madrid, viaxou a París, pensionado pola Deputación de Pontevedra, para respirar o ambiente artístico das vangardas. Na década dos trinta vinculouse ao ideario republicano e á Sociedade de Artistas Ibéricos, co que adquiría recoñecemento e promoción como artista español de vangarda, sen por iso perder as relacións cos intelectuais e artistas galegos: Castelao, Maside, Eiroa, Colmeiro, Seoane, Torres, Laxeiro... Expuxo en Madrid, Bilbao, Copenhague, Berlín, Madrid, Galicia, Barcelona e Florencia e residiu dous anos en Italia. A producción deses anos volcouse na pintura ao óleo en consonancia cos postulados do Novo Realismo. Durante a guerra civil púxose ao lado da República e colaborou en revistas como El mono azul ou Nova Galiza, nas que Souto publicou escenas bélicas, recollidas máis tarde nos seus Debuxos de Guerra.
Concluída a guerra, Arturo Souto recalou na Habana, onde expuxo con éxito, como en Nova York, Los Angeles, Filadelfia ata instalarse en México en 1942, onde forxou unha sólida reputación. En 1962 regresou a España e con obra traída de México realizou en Vigo a primeira exposición e logo en Madrid, Bilbao e Santiago ás que xa incorporou novas teas realizadas en Galicia, nas que volve aos temas de paisaxes campesiñas e á intensidade cromática das primeiras épocas. Sorprendeuno a morte en México en xullo de 1964, a onde volvera a recoller as súas propiedades para regresar definitivamente a Galicia. |