Sargadelos .
.

Laboratorio de Formas 
 
O Laboratorio de Formas naceu en 1963 na Galicia emigrada, como expresión da vontade dun grupo de exiliados que se propuxo o estudio das formas desenvolvidas no pasado de Galicia e as que continúan vixentes. Definiuse como un instituto teórico de deseño á procura da orixe das formas. Testemuña do cansanzo producido polos últimos ideais cosmopolitas dalgunhas escolas, o Laboratorio pretende atopar nesas formas esquecidas que perviviron durante séculos, así como nos vestixios herdados, os sinais dun sistema propio de expresión.




Imaxe


ImaxeImaxe

Imaxe
 
O Laboratorio rexistra un extenso número de intentos e teorías que van desde as de Ruskin e Morris, os racionalistas, constructivistas e productivistas rusos, coa súa Vkhutemas, e outros laboratorios, ata as últimas experiencias de Bill, Maldonado, pasando polo exemplo máis coñecido en Occidente da Bauhaus.

O Laboratorio de Formas, sociedade sen fins de lucro, foi quen deseñou as liñas estructurais do grupo de empresas Sargadelos e planificou a súa actividade coa recuperación da cerámica de Sargadelos, a empresa de máis alento e prestixio do pasado galego, pero que ao mesmo tempo representou unha das súas maiores frustracións; coa creación do Museo Carlos Maside (1970), que aspira a recoller obra e documentación a partir do movemento renovador da arte galega contemporánea co seu entorno social anterior ao conflicto civil do ano 1936, converténdonse en centro de documentación das ideas estéticas de Galicia e dos movementos universais da arte e a creación, tamén, de Ediciós do Castro (1963), o Seminario de Sargadelos (1972) e o Instituto Galego da Información (1977) e o apoio á restauración do Seminario de Estudios Galegos, así como a outras operacións de investigación que contribúan a restaurar a nosa memoria histórica.

O Laboratorio quere facerse notar máis polas súas realizacións ca polas súas formulacións teóricas, mostrando un respecto polas formas que non contaron coa experiencia histórica na súa realización e mantendo un sistema aberto á evolución das ideas de todo tipo, sen máis limitacións cas éticas.



Grupo Sargadelos: Museo Carlos Maside | Seminario de Sargadelos | Instituto Galego da Información