 |

 |
|
 | |
| |
 |
No ano 1977 chegara do exilio o poeta e periodista Lorenzo Varela, quen vendo o panorama informativo de Galicia pensou que era necesaria a creación duns medios que mellorasen a información e a comunicación, pois a realidade do país reclamaba a necesidade urxente dunha información real. Como primeiro paso considerouse reunir unha comisión consultiva na que, ademais de Lorenzo Varela, se integraron Valentín Paz Andrade (que tivera a experiencia do xornal Galicia, precedente para a creación dun novo xornal actualizado), Xosé Luís Rodríguez Pardo, Celestino Fernández de la Vega, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Ramón Piñeiro, que ofreceu o seu domicilio para as tres reunións que se celebraron. |
|
 
 Ramón Piñeiro, acompañado de Rafael Dieste, Fernández-Albalat e García-Sabell, no acto constitutivo do Instituto Galego da Información. |
 |
 |  |
Representadas nestas reunións a Fundación Penzol e o Laboratorio de Formas, tomouse o acordo de facer unha convocatoria para conseguir apoio para a creación dun xornal galego. Así mesmo acordouse a creación dunha sociedade anónima que se denominaría Instituto Galego de Información, pois por proposición de Rodríguez Pardo, apoiado por Lorenzo Varela, o proxecto debería ter un alcance non limitado á creación dun xornal, dado o panorama cambiante dos medios de comunicación e dadas tamén outras consideracións de carácter social e político.
Así pois, a Sociedade Anónima Instituto Galego de Información nun principio integrouse con 218 accionistas que asinaron a acta de constitución o 26 de novembro de 1977, nun acto celebrado no Museo Carlos Maside, no Castro de Samoedo.
Logo de diversos estudios, polo ano 1981 deron comezo as obras para a instalación do Instituto nun lugar historicamente privilexiado: o Monte do Gozo ou Monxoi do Códice Calixtino , no que os peregrinos que chegaban a Compostela se axeonllaban ao albiscar as torres da catedral. Para tal ubicación, o proxecto tivo que ser declarado de utilidade pública e de interese cultural. |
|

 |
 |
 Edificio do Instituto Galego de Información, no Monte do Gozo, de Santiago de Compostela. |  |
O Instituto Galego de Información conta cun edificio de 10.000 m² no que se concibiron os locais segundo as necesidades da creación dun rotativo, ademais de arquivos, salas de reunión, auditorios, departamentos de vivenda, etc. Pero, considerando a función principal para que foi creado, cunha ideoloxía patriótica que viña do exilio, a realidade da demanda desa información que se quería satisfacer, a experiencia que se foi tomando doutros proxectos despois do IGI, no que cinco xornais e unha manchea de revistas coñeceron o fracaso non ben iniciada a súa andaina informativa, e non desexando engadir un fracaso máis aos moitos que historicamente ven colleitando Galicia, e mentres se agarda o momento propicio, as instalacións do I.G.I. ocúpanse principalmente de propiciar o desenvolvemento do novo Seminario de Estudos Galegos, traballos de investigación histórica, talleres de deseño que serven ao grupo Sargadelos xunto con Edicións do Castro, principais sustentadores da actividade do Instituto, así como outras moitas actividades culturais.
Grupo Sargadelos: Museo Carlos Maside | Laboratorio de Formas | Seminario de Sargadelos
|
|