 Gravado de época da Fábrica de Louza do primitivo complexo de Sargadelos.
 Retrato de Antonio Raimundo Ibáñez. Óleo de Francisco Goya. Museo de Baltimore. USA.
 Laboratorio da Fábrica de Porcelanas A Magdalena, na Arxentina. |
 |
O GRUPO DE EMPRESAS SARGADELOS
 Marcas da antiga cerámica de Sargadelos. |  |
O conxunto de empresas que hoxe se agrupan baixo o nome de Sargadelos tivo a súa orixe polo ano 1947, cando se creou no Castro de Samoedo (Sada-A Coruña) unha pequena fábrica de cerámica coa intención de experimentar os caolíns procedentes dos xacementos de Sargadelos que aínda estaban en explotación. O espírito que animaba este proxecto era a recuperación da actividade que nacera en Galicia hai 200 anos coa creación en Sargadelos dun complexo industrial deseñado na súa totalidade como unha moderna empresa que representaba unha nova relación de producción, aproveitando e engadindo valor aos recursos naturais dunha mesma comarca.
O seu creador, Antonio Raimundo Ibáñez, ao que o pobo e os primeiros historiadores fixeron Marqués de Sargadelos, comezou a finais do S. XVIII cunha siderurxia integral dedicada á producción, case exclusivamente, de material bélico e, xa no S. XIX, creou unha fábrica de cerámica, primeira industria que introduciu en España, entre outras moitas variacións, o decorado mecánico das louzas estampadas. A empresa de Ibáñez mantívose aberta deica 1875, malia ser arrastrado o seu creador en 1809 polas rúas de Ribadeo nunha das pasaxes máis dramáticas e escuras da nosa historia.
 Fonte estampada da terceira época de Sargadelos.
 Candelabro de cinco dedos decorado a man, da segunda época de Sargadelos. |  |
Nos ensaios do Castro de Samoedo cos caolíns sargadelianos e co pensamento posto en poder restaurar algún día a cerámica de Sargadelos, pronto se comprobou a excelente calidade daquelas terras, constituíndose a sociedade Fábrica de Cerámica do Castro, que en 1952 xa tiña un cadro de persoal próximo ao cento de traballadores e cuns productos con boa aceptación no mercado.
En 1955, o interese suscitado polas experiencias do Castro permitiu a creación dunha proxección súa na República Arxentina, a 100 quilómetros de Bos Aires, onde se montou a Fábrica de Porcelanas A Magdalena, que mantivo o proceso productivo durante máis de trinta anos, ata que as conxunturas económicas arxentinas fixeron que A Magdalena deixase de interesar a Cerámicas do Castro
Este proxecto transoceánico tamén serviu para interesar aos intelectuais galegos exiliados na Arxentina desde o final da guerra civil española na intención de traballar pola recuperación económica e cultural de Galicia. Nas primeiras conversas participaron Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Antonio Baltar, Blanco-Amor, Laxeiro, Arturo Cuadrado e Alberto Vilanova, que se plasmaron en 1963 coa creación do Laboratorio de Formas, constituído por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, coa posterior incorporación do arquitecto Andrés F. Albalat, que recolleron as preocupacións e anceios do colectivo e se encargaron de converter en realidade o proxecto definitivo de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro, Seminario de Sargadelos, empresas de comunicación como o Instituto Galego de Información e o apoio á restructuración do novo Seminario de Estudos Galegos.
|