

Estudo de testa |
 |
Na vila mariñeira de Rianxo, como Rafael Dieste ou Manuel Antonio, naceu Castelao en 1886. Con 9 anos de idade súa nai e máis el trasladáronse á Pampa arxentina a reunirse co seu pai que se establecera en Santa Rosa de Toay cunha pulpería. De regreso a Rianxo, a prosperidade económica lograda na experiencia emigratoria permitiulle estudiar a carreira de Medicina en Santiago, onde se licenciou no 1908. En Madrid cursou o doutorado, deuse a coñecer como debuxante na I Exposición de Humoristas e pronunciou unha conferencia no Ateneo: “Algo acerca de la caricatura”.
Durante unha pequena etapa compatibilizou os seus anceios artísticos co exercicio da medicina, que abandonou definitivamente ao opositar ao corpo técnico do Instituto Xeográfico e Estatístico, con destino en Pontevedra. Como galeguista, adheriuse ás Irmandades da Fala desde os primeiros momentos e fundou a revista NÓS, da que se encargou da dirección artística, ao mesmo tempo que seguía expoñendo, teorizando sobre o feito plástico, creando as súas primeiras achegas ao mundo da creación literaria e percorrendo, con fins artísticos, Francia, Países Baixos, Alemaña e a Bretaña da que estudiou as súas cruces de pedra.
En 1931, ao proclamarse a República, foi elixido deputado en representación do Partido Galeguista para as Cortes Constituíntes. O comezo da guerra civil sorprendeuno en Madrid, a onde fora para entregarlle ao presidente do Parlamento español o texto xa plebiscitado do Estatuto de Autonomía de Galicia, do que Castelao fora moi activo impulsor. Fiel ao seu ideario político, trala guerra exiliouse na Arxentina, onde realizou un gran traballo de divulgación galeguista e onde morreu o 7 de xaneiro de 1950. Foi enterrado no panteón que o Centro Galego de Bos Aires ten no cemiterio da Chacarita e alí estiveron os seus restos ata que, nunha disentida operación, a Xunta de Galicia os trasladou ao Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.
Como artista realizou moitísimos debuxos e caricaturas, ilustrou libros, publicou debuxos nos seus libros NÓS, Cincoenta homes por dez reás, Cousas da vida, os álbumes Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos; expresou as súas teorías pictóricas en numerosas conferencias ou escritos como os recollidos en Do meu diario. Pero ademais, Castelao foi un gran artista galego, de gran influencia crítica no pobo, aínda que condicionado pola case cegueira que o limitou xa desde a época de residencia pontevedresa. Entre as súas achegas como polígrafo cómpre salientar Un ollo de vidro, Os dous de sempre, Os vellos non deben de namorarse e, sobre todo, a obra considerada como a Biblia do galeguismo: o Sempre en Galiza. |