Colección tradicional

A colección tradicional recolle unha serie de formas de superficies lisas, que se prestan para aerografiar, mediante estarcidos, distintos decorados baixo cuberta.

A nosa cerámica utiliza o caolín procedente das vellas minas da propia comarca de Sargadelos, na Mariña luguesa. Un material de calidade contrastada que tratamos á maior temperatura posible, o que deriva nunha excepcional porcelana vitrificada en atmósfera redutora, por riba dos 1400º C.

Sobre o casco xa decorado, aplícase o barníz ou cuberta, que proporciona un aspecto brillante e unha sensación suave ao tacto, ao tempo que un resistente escudo protector ante a abrasión ou o uso dos lavavaixelas.

As formas dos decorados realízanse preferentemente aerografiando a cor sobre estarcidos, ou ben mediante outras impresións calcográficas, incluso decorando a man, nalgúns modelos especiais.

As liñas desta colección son:

  • Espiroide. É un deseño recollido dunha diadema do século V a.C., atopada no castro de Elviña (A Coruña).
  • Encadrelado e Cadrelo, inspíranse nas decoracións de entrelazos taladas en pedra da cultura castreña.
  • Galerías recrea as liñas que regularon as formas decorativas das galerías modernistas coruñesas.
  • Follas e Ramallo son motivos asociados a formas orgánicas, no segundo caso con certo resabio clásico, pois lembra ás coroas de laurel utilizadas na antiguedade.
  • Itálico. Básease nun motivo atopado nas ruínas da antiga cidade romana de Itálica, na actual Andalucía.
  • Coroa é un decorado con resonancias astrais e referencias nos vellos petroglifos, inscripcións rupestres tan frecuentes e características na ancestral cultura galaica.