Museo Carlos Maside

Ideado e auspiciado polo Laboratorio de Formas e por Cerámicas do Castro, en 1970 fundouse no Castro-Sada o Museo Carlos Maside, co que se honra, dándolle o seu nome, a un dos artistas máis representativos da arte galega de antes da guerra civil.

edificio






O Museo reúne nas súas salas unha importante colección de plástica galega contemporánea, a partir da xeración dos anos trinta, que se distinguiu por romper coas normas anecdóticas da arte galega, pretendendo recoller a obra e a documentación dese movemento que, polos acontecementos do ano 36, ficara interrompido e deturpado.

Coa súa fundación, o Museo Carlos Maside era entendido como un centro cultural vivo, útil para a extensión do coñecemento artístico do noso pobo. O Museo foi iniciado con doazóns das coleccións particulares de obras galegas dos membros fundadores do Laboratorio de Formas nun desexo de rescatar para Galicia todo o que configure o seu capital cultural.

En 1974, a catro anos da inauguración, o Museo incrementou sensiblemente o seu patrimonio polo que se creu conveniente potenciar a creación dun Padroado, que en 1985 acordou, que en diante fosen os compoñentes da área de Arte e Comunicación do renacido Seminario de Estudios Galegos quen proveese de membros ao Patronato do que pasou a denominarse Museo Galego de Arte Contemporánea, sen deixar de relembrar a imaxe inesquecible de Carlos Maside.

Na súa colección permanente exhibense obras de Francisco Lloréns, Castelao, Francisco Asorey, Xosé Frau, Xesús R. Corredoira, Xosé Eiroa, Federico Ribas, Suárez Couto, Maside, Bonome, Laxeiro, Arturo Souto, Fernández Mazas, Cebreiro, Huici, Cristino e Maruja Mallo, Francisco Miguel, Xulia Minguillón, Lugrís, Seoane, Colombo, Mario Granell, Colmeiro ou E.F. Granell. E complétase cunha colección dos artistas que seguiron ata os nosos días.

Álbumes

Album do museo

Imaxes de actos celebrados no Museo C. Maside

» Ver máis álbumes